Carlos L. Bernárdez sobre «Vermello, gritos, tebras»

Faro da Cultura, Faro de Vigo
Xoves, 30 de xaneiro de 2020

A mostra da artista Rebeca Lar, Vermello, gritos, tebras, que se pode contemplar en Apo’strophe.Arte, parte do textual levado a variados soportes, dando unha relevancia central ao proceso, orientado desde unha perspectiva de xénero, coa figura da bruxa como elemento nuclear, usando a palabra como concepto artístico, onde a violencia xoga un papel relevante, como o propio título da mostra suxire.

A relación entre a violencia e mais arte é unha ligazón natural, como a que se establece en calquera outro ámbito da actividade humana, enq ue a realidade da violencia é unha presenza constante, e, en certo sentido consubstancial.

Outra cuestión, de extraordinaria importancia para entendermos o feito, é a vinculación que se establece entre a presenza da violencia no ámbito estético e a súa utilización por parte dos creadores e a recepción social que favorece.
(…)
Tendo en conta este punto de partida, en que coordenadas se sitúa a representación da violencia contemporánea? En xeral movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos a obxectualización do corpo, presente en moitas das representacións da violencia contemporánea. O traballo de Rebeca Lar insírese nestas coordenadas, facendo fincapé no lingüístico e o procesual, cunha vontade analítica, aspecto en que se sitúan as maiores virtudes da súa creación artística.